Os centros especiais de emprego de iniciativa social (CEEIS) desempeñan un papel esencial na inclusión laboral das persoas con discapacidade ao funcionar como pontes cara o mercado laboral ordinario, ofrecendo formación, apoio e un ambiente que promove a integración. Así nolo conta nesta conversa Santiago Campelos Fernández, quen atopou en Galega de Economía Social (GES), asociada a Cegasal e matriz dun grupo de empresas de economía social participado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), un chanzo estratéxico desde o que continuar a impulsar a súa carreira profesional.
Alá polo 2016, Santiago estaba en busca de traballo e decide enviar o seu currículo ao CEEIS, e é aí cando entra en contacto por primeira vez cos centros especiais de emprego e, por descontado, cos principios sobre os que se asenta a economía social. Como parte do departamento de negocio de Galega de Economía Social, encárgase da xestión de licitacións, do desenvolvemento comercial e da xestión da carteira de clientes, das relacións coa Administración Pública, da análise contable, estatística e empresarial, así como do control da facturación dos centros pertencentes a GES, ademais do asesoramento sobre o cumprimento da Lei Xeral da Discapacidade ás empresas que o solicitaran e da xestión, por un período concreto, das páxinas web e redes sociais dos CEEIS vencellados.
Un dos trazos que máis valora desta etapa é o ambiente laboral, “o compañeirismo”, explica Santiago, quen ve nos CEEIS unha fórmula efectiva para a integración laboral das persoas con discapacidade. Na súa propia traxectoria, o paso por GES permitiulle adquirir “novos coñecementos e capacidades” e poder optar a un novo emprego na cooperativa Algalia, ao ter que mudarse por motivos familiares. Traballa como consultor económico nesta asesoría e consultoría para o sector da economía social durante once meses.
Baixo a premisa de “seguir crecendo en coñecementos e habilidades”, Santiago exerce actualmente como administrador de fincas e destaca dos centros especiais de emprego de iniciativa social a prioridade que lle dan á inclusión social e laboral das persoas con discapacidade e a vontade de adaptar os postos de traballo ás súas necesidades. Nesta liña, avoga por reforzar a difusión entre as empresas ordinarias das medidas que poden adoptar para impulsar esta integración laboral e anima a todas esas persoas con discapacidade que están en busca de emprego a non desistir do seu obxectivo: "Confía nas túas facultades e valórate como é debido”.